Galegas

… da casa

Flan da casa. Pan da casa. Viño da casa.

As cousas da casa sempre saben mellor. Parece que se fixeran agora mesmiño, que son máis frescas. Son máis artesanais. Son mellores.

Mágoa non ter escrito dende agosto. Shame on me. Semella unha casualidade que xusto dende Baiuca. A cousa é que coincide que me apuntei a clases de pandeireta e cante tradicional fai dous meses. Animada por N e un pouco buscando escapatoria duns meses nos que estiven ben fodida, atopei na música de novo uns intres de calma.

Retomada esta calma, voltei para vos dicir que Faia Díaz é coma o pan da casa.

Coñecín da existencia de Faia nun coloquio fará un par de meses ou tres. Foi no WOS (Work on Sunday) festival que tivo lugar en Compostela na súa quinta edición. Asistín a unha conversa sobre a supervivencia e evolución do folk. Tema moi interesante que me remexeu os miolos, coma sempre, e no que Faia nos deu a coñecer a súa última achega artística a este xénero.

Dende un punto de vista purista, Faia achégase aos sons e cantos tradicionais tal e como eran cantados polos nosos ancestros. Facendo gala dunha voz moi doce e dunha acentuada sensibilidade polo mundo sonoro, relata cánticos e historias a capella. Pero non está soa porque a súa base sonora é a vida mesma.

Unha achega que me pareceu moi interesante e intimista e que me gustaría compartir con todos vós aquí para que non se nos esqueza.

Ao cabo Leirín ten cumbia ao lonxe cantada dende unha estancia cercana. Ten versos de nanas a capella. Recita octosílabos entre muxicas. Entona entre os motores dun avión. Apoia os silencios sobre os paxaros e debuxa gorgoritos sobre un fondo de campás.

Faia crea un cadro minimalista en cuestión musical no que a súa voz pinta as melodías, e por detrás hai todo un contexto sonoro que nos sitúa en escenarios moi diversos. Un fóra de campo infinito. Escenarios cercanos, decotío. Da casa.

Deja un comentario